martes, 21 de abril de 2009

martes, 17 de marzo de 2009

Os defensores da normalización lingüística denuncian a pasividade da USC

A política de normalización lingüística da Universidade de Santiago e Compostela ten como punto de partida os seus estatutos, xa que neles se estabelece que a única lingua propia desta institución é o galego. A partir de aí desenvólvese un entramado de normas e proxectos cos que a USC pretende contribuír á plena normalización do idioma galego e entre os que destacan principalmente o Regulamento de Uso do Galego e o Plan de Normalización Lingüística. Estes dous documentos fixan por un lado os eidos nos que é obrigatorio empregar o galego e polo outro indican cara onde teñen que ir encamiñadas as iniciativas normalizadores. Para encabezar esta tarefa está por un lado o Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL), que ten como misión estimular e darlle soporte técnico ao proceso de extensión do uso da lingua galega; e polo outro as distintas comisións de normalizacións lingüística, tanto de cada centro como do claustro universitario.

Malia todo, a responsábel da área de dinaminación lingüística do SNl, Isabel Vaquero, sinala que o uso do galego do galego na USC está nunha situación de "estancamento ou mesmo retroceso". Vaquero considera que neste proceso está a ter un papel moi negativo a chegada de estudantes de fóra, xa que en virtude dunha suposta facilidade de integración emprégase o castelán como lingua preferente, "facendo dubidar mesmo a profesores que mantiñan un certo compromiso co idioma". Diante desta situación, a dinamizadora do SNL denuncia a "falla de perspectiva política" do goberno da universidade, ao que considera incapaz de dar unha resposta coherente a este problema. Neste senso, Vaquero lembrou un plano de integración de estudantes de fóra que presentou o SNL hai varios anos e que foi paralizado polo goberno da universidade.

Pola súa banda, Franciso Rei García, d´A Mesa pola Normalización Lingüística, tamén cargou contra o goberno da USC sinalando que alén das iniciativas persoais que poden levar a cabo determinados vicerreitores, o compromiso coa lingua é "máis ben ritual" e que así non se avanza.



jueves, 12 de marzo de 2009

A USC acolle a presentación do Libro Branco da Universidade de Cataluña

O reitor da Pompeu Fabra, Josep Joan Moreso, encabezou a presentación do Libro Branco da Universidade de Cataluña celebrada este venres no Centro de Estudos Avanzados da USC. No acto tamén participaron diferentes persoeiros do mundo universitario galego como o reitor da universidade compostelá, Senén Barro; o vicerreitor de relacións institucionais, Lourenzo Fernández Prieto; o presidente do Consello Social, Manuel Puga e o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Xosé Ramón Leis Fidalgo.

Este proxecto nace da vontade de colaboración de oito universidades públicas catalás agrupadas en torno á Associació Catalana d'Universitats Públiques (ACUP). Segundo sinalou Moreso, o Libro Branco achega un punto de vista propio para a reflexión sobre a universidade en Europa. Destacou que pretende fixar unha folla de ruta común ás universidades de Cataluña que permitan enfrontar as tarefas que se presentan na sociedade da globalización e da información no marco do Espazo Europeo de Educación Superior.